Poleas e correa
entrada circular ⇄ saída circular· reversible
Cando hai que levar o movemento entre dúas árbores afastadas empréganse dúas poleas unidas por unha correa. A correa abraza as dúas poleas e transmite o xiro por rozamento; as dúas xiran no mesmo sentido.
A relación cinemática é a mesma que nas rodas de fricción:
n₁ · d₁ = n₂ · d₂
Se a polea motriz é máis pequena ca a conducida, o sistema reduce a velocidade; se é maior, auméntaa.
Coa correa lisa pode haber esvaramento, así que para transmitir máis potencia póñense varias correas en paralelo, ou úsanse correas dentadas e cadeas, que non esvaran e dan unha relación de transmisión exacta. Vense no motor do coche, nas lavadoras e nos tornos.